martes, 10 de abril de 2018

Ameaza 56 - Marraxos 51

Bueno, xa está ben de aidar a crónica. Ó final, por mor da preguiza, o río do esquecemento asolagará o pouco que me queda na cachola. O escenario da contenda é ben coñecido: o renovado e relustrante pavillón de Teis. O rival, non menos coñecido. A hora non era das mellores: as catro da tarde dun domingo. A xente vai aparecendo, pero aínda remoendo o derradeiro chouripán. Debe de ser que poallaba, porque a convocatoria foi realmente boa: Caki, Ángel, Dani, Pablo, Óscar e o que subscribe. Mención aparte a Xan, o noso talismám particular e a Pableto, que fixo verdadeiros pinchacarneiros para estar a tempo para o inicio do encontro.

Para evitar que se concentrasen na defensa interior, decidimos deixar fora da convocatoria a Javi e a Rubén. Marco non puivo vir e Camilo puxo unha inverosímil excusa, seguro que para agochar algún asunto turbio. Pola parte rival, creo que só botei en falta a Rafa e a Lío.

As directrices de partida son claras: pechar a defensa sobre os seus homes altos e chegar ós tiros exteriores. E a partir de aí, intentar xogar abertos buscando o movemento do balón. A cousa non se da mal do todo, e ante a súa defensa individual somos quen de buscar desmarques e bloqueos. Interiormente temos menos quilos, pero buscamos ben os ocos, con un sacrificio enorme de Óscar e Pableto por dentro. O intento de smallball vai funcionando, e anotamos con bastante fluidez para ser nós. O que se nota sobre todo é a intensidades, con cambios continuos que permiten manter o nivel e sen tregua para ninguén. Nin as lesións foron escusa para deixar de lidar.

En defensa estamos bastante atentos, pechando os ocos e chegando ós tiros, e aínda que se nos escapan algunhas segundas oportunidades, en xeral non deixamos puntos doados. O resultado foi que collemos vantaxe no marcador e chegamos ó descanso un 34-26 ó noso favor. Só un punto menos que en todo o partido anterior.

Aproveitamos o descanso para coller folgos, aínda que parecía que o colexiado, aínda despois de facer a Vig-Bay tiña mais ca nós. Antes de saír, conxura para non repetir as nefastas saídas de segundo tempo de outros partidos. Coma se chovese: salto inicial para eles e tripla nos primeiros cinco segundos. A súa defensa cambia a zona press e desprecatámonos totalmente en ataque. Movemos ben o balón por fora, pero non somos quen de buscar posicións interiores, tanto polas moitas mans que buscan cortar o pase como pola diferenza de altura.

En defensa empezamos a chegar con menos rotundidade ós tiros e deixamos ir algun rexeite, co cal o marcador empeza a apretarse.  Queda moito partido e hai que aplicarse. Os nervos en ataque e a presión defensiva fan que esgotemos unha posesión e teñamos que facer tiros precipitados en algunha mais. Pero chegan a tempo os nosos artilleiros e tanto Pableto como Pablo acertan de tres e mantemos o pulso. Mágoa de dous triplas de Ángel que literalmente se saíron de dentro. Non perdemos intensidades, e as cargadas do rebote de ataque de Dani dan resultado para darnos segundas oportunidades que nos manteñen arriba, pero cunha marxe mais ben escasa.

Xogadas estrañas, como unha perda de balón de Xan seguida por unha recuperación maxistral a base de sprint que o mandan ó banco a por folgos. Ou como unha falta clamorosa de Mendi que non se pita malia a que quedamos todos parados. Daríó arrinca, hai falta clamorosa de Xan que tampouco se pita e cando lle chega o balón a Nando debaixo do aro con todos parados aínda bota unha ollada de incredulidade antes de anotar.

Non andamos finos nos tiros libres e chegamos a falta de dous minutos gañando de un e con tiros libres ó noso favor. Ángel tira de estratexia, erra os dous e recolle o seu propio rexeite para gañar tempo. Fan outra falta, esta vez a Caki. Mete os dous, e vamos tres arriba a falta de menos dun minuto. Na banda, quentando os de Hound, que xa saben cómo é o de gañar de tres e acabar na prórroga. Pero a nosa defensa funciona e o tiro de tres non entra. Falta rápida a Pableto, que mete os dous e deixa o marcador definitivo. Avisamos a Basket Hound para que tomen nota.

En definitiva, partido bonito na primeira parte, moi dinámica por parte dos dous equipos e algo mais defensiva na segunda. A estratexia de non convocar a algúns pivotes funcionou, igual hai que repetila. De momento, seguimos aí, dando que facer e desfrutando. O resto, xa se verá.


No hay comentarios:

Publicar un comentario